Resumo do pleno do 4 de outubro de 2018

A sesión ordinaria do pleno de Cuntis celebrada no día de onte, xoves 4, tivo como eixos centrais de debate as catro mocións presentadas por Veciñanza e a aprobación inicial da popularmente coñecida como ‘ordenanza de terrazas’. Esta última vén a ser o tan necesario (e demandado polo noso grupo) regulamento de ocupación do solo, subsolo e voo de dominio público. Saiu adiante a aprobación inicial contando co voto favorable dos socios de goberno e de Veciñanza, e coa abstención do Partido Popular. O noso voceiro municipal Santi Martínez explicou que “o noso voto favorable responde á necesidade de ter un regulamento deste tipo en Cuntis, de que conta cos informes técnicos favorables e de que no seu momento, Veciñanza participou na elaboración das liñas mestras, pero somos críticos coa tramitación xa que non contemplou a participación de sectores directamente implicados, como por exemplo, a hostalaría”.

Na quenda das iniciativas presentadas polos grupos, a primeira foi a que propuña a renovación da web, a adquisición do dominio .gal para o concello de Cuntis e a xestión rigorosa das redes sociais. Foi aprobada cos votos favorables de Veciñanza e do Partido Popular, e coa abstencións dos socios de Goberno Bipartito. Motivaron esta abstención en que se trata dun asunto no que, malia estaren a favor, están a traballar nel. Desgraciadamente é o mesmo argumento empregado en moitas outras ocasións que remata traducíndose en que os acordos plenarios pasan ao abandono dalgún escuro caixón. Agardamos que o Concello de Cuntis conte cunha nova web municipal, solvente a lamentable situación de turismodecuntis.es (abandonada dende hai máis de tres anos) e aposte por unha xestión rigorosa das súas redes sociais.

Idéntico resumo se pode facer da seguinte iniciativa proposta por Veciñanza: a da elaboración dun regulamento de participación veciñal e transparencia. Afirmou o concelleiro do BNG que segue a ser un compromiso da súa formación, malia que pasan os meses e seguimos agardando. Moito nos tememos que esa sexa a situación ao remate da lexislatura. A intervención do Alcalde foi máis desafortunada, especialmente cando se atreveu a afirmar que a moción presentada contiña puntos ‘que non son posibles’, cando xa hai concellos nos que se están aplicando. Malia a negativa do Goberno Bipartito a apoiar a moción, esta foi aprobada cos votos dos grupos da oposición, Veciñanza e Partido Popular. Agardemos que esta non pase tamén a engordar a lista de acordos plenarios residentes no caixón.

Onde si apoiaron o BNG e o PSOE a proposta de Veciñanza foi cando se debateu a moción en defensa duns medios de comunicación públicos, de calidade e independentes. Esta iniciativa foi xa presentada noutros concellos e institucións do País e pretendiamos con ela que Cuntis se sumara ao clamor dos #VenresNegros. Abstívose o PP, cuxo voceiro no día de onte afirmou non ter ‘visto’ que se lle deran ordes de control político aos/ás traballadores/as. O argumento defínese por si mesmo.

A última das catro iniciativas de Veciñanza foi a que instaba ao Concello a trasladar á Deputación a necesidade de intervir sobre a seguridade vial da EP-8401, unha moción que o Alcalde de Cuntis cualificou de ‘oportunista’. Contou co apoio unánime dos catro grupos e servirá, máis alá das provocacións e as consideracións do PSOE, enleado tamén no tirapuxa co PP do anterior goberno provincial, para darlle soporte a un acordo plenario. Tal e como afirmou o noso voceiro municipal Santi Martínez, “queremos que á Deputación chegue algo máis que unha nota de prensa, por iso plantexamos un acordo plenario”.

Debatéronse dúas mocións máis, presentadas polo BNG, que foron aprobadas: unha delas era a relativa ao estado de contaminación do río e do encoro do Umia e a outra en apoio ás persoas acusadas pola Fundación Nacional Francisco Franco por protagonizaren un acto simbólico reclamando a devolución do Pazo de Meirás ao pobo galego. As dúas contaron co voto favorable do grupo municipal de Veciñanza.

Na quenda de rogos e preguntas, interesámonos polas seguintes cuestións:

  • As restricións parciais ao acceso na plataforma electrónica ao Libro de Decretos, que tanto o Alcalde como a Secretaria afirmaron non coñecer.
  • A situación na que se atopa o Centro de Saúde, ante a que o Alcalde afirmou ter xa unha proposta de convenio para arranxar as deficiencias.
  • Publicación das contas correspondentes á organización das festas patronais de Cuntis, que o Alcalde se comprometeu a facer.
  • Festivos Locais de 2019, pregunta ante a que o Alcalde recoñeceu terse esquecido de incluír o punto na orde do día deste pleno. Este despiste supón que haxa que resolver a cuestión nun Pleno Extraordinario.
  • Informe solicitado por Veciñanza sobre as facturas pagadas e convenios mantidos con empresas e medios de comunicación por parte do Concello de Cuntis.
  • Arranxo da precintada ponte de madeira sobre o Gallo, asunto que o Alcalde descartou para este ano 2018.
  • Restricións horarias nalgunhas prazas de aparcamento de minusválidos O alcalde responde que se adoptou esa decisión para evitar que algunhas delas permaneceran ocupadas polo mesmo vehículo varios días.
Share

Tamén pode gustarche...

1 resposta

  1. 11 Outubro, 2018

    […] Esta foi unha das cuestións formuladas polo noso grupo na quenda de Rogos e Preguntas da sesión ordinaria do pleno do pasado xoves 4 de outubro. A nosa concelleira, Saleta Fernández, preguntáballo ao alcalde sabendo que o que vén sendo […]